O pasado sábado 26 de maio, Pablo Robatto e Alberto Permuy, vicepresidente e presidente da Asociación Comunidade O Zulo reuníronse co Concelleiro de Cultura do Concello de Mugardos, Xosé Bouza, para tratar entre outros temas, a celebración do IX Ciberencontro Concello de Mugardos “Kernel 2012”
O resultado da reunión foi moi satisfactorio, tanto, que xa podemos confirmar que o “Kernel 2012” celebrarase os días 21,22 e 23 de setembro na Casa da Cultura do Concello de Mugardos.
Tanto o Concello de Mugardos como a Asociación Comunidade O Zulo son conscientes do momento que vivimos e das enormes dificultades que teremos que sortear para poder organizar o evento. Aínda así, estamos convencidos que co voso apoio e axuda estaremos todos/as xuntos en setembro apoiando o software e a cultura libre, un ano máis.
[ Participantes na edición de 2007 ]
O programa terá poucas variacións en relación á edición anterior. O venres 21 incluiremos unha charla cuxo obxectivo será achegar ao maior número de xente as vantaxes do sistema operativo GNU/Linux. O sábado 22 pola mañá temos programado un pequeño obradoiro de introdución á robótica con hardware libre “Arduino”.Xa pola tarde, disfrutaremos da “Ciberolimpiada”, e como podedes imaxinar despois teremos que encher o bandullo no “PorkoByte”, a clásica laconada do “Kernel 2012”. Ás 23:59 a nosa idea é “rockanrolear” no II Rock No Trope. Dende a organización temos preparada algunha sorpresa que publicaremos en breve.
O prezo das inscricións será de 8€ para os socios/as da Comunidade e de 10€ para os non socio/as. Por suposto está incluído no prezo da entrada a camisola, a invitación para o II Rock No Trope e a cea do sábado “PorkoByte”.