Entrevista a Adrián Chaves relator de "Web scraping : extraer datos de sitios web"
[ Adrián impartindo relatorio de Scrapy nunha xornada de Python Vigo ]
Bo día Adrián, e logho ti de quen ves sendo?
Son Adrián, teño 28 anos, e son programador. Tamén son un apaixonado da cultura libre, e membro das asociacións GALPon, Trasno e KDE e.V..
Cando andaba no instituto colaboraba coa Galipedia, a Wikipedia en galego. E para poder facer moitas edicións rutineiras na Galipedia sen perder anos da miña vida, vinme obrigado a aprender a usar expresións regulares e, cando as expresións regulares xa non daban máis de si, Python. E Python namoroume completamente.
Levo os últimos 3 anos dedicándome profesionalmente á extracción de datos de sitios web de maneira automatizada. Desde hai un ano traballo para Scrapinghub, a empresa que mantén e Scrapy, e levo medio ano co privilexio de dedicar a metade da miña xornada a Scrapy e a outros proxectos de software libre relacionados.
De que trata a túa sesión do vindeiro sábado en Mugardos?
Farei unha breve introdución á extracción de datos web. Explicarei para que nos pode servir, cales son os maiores problemas que presenta, os retos para a xente que está empezando, e probablemente “escrapearei” a web do Zulo en directo.
Cal é o futuro de scrapy?
O proxecto ten unha comunidade de usuarios enorme, bastantes colaboradores activos, e desenvolvedores a soldo dunha empresa á que lle vai bastante ben, así que diría que o futuro de Scrapy pinta moi, moi ben.
Que crees que aportan este tipo de eventos á persoas que asisten?
Dende logo apréndese moito. Eu adoito asistir porque me interesa algunha das charlas, e ao final asisto a outras e acabo descubrindo cousas que nin imaxinara.
Pero para min o máis importante está en coñecer en persoa e falar con outra xente da comunidade do software libre. Os lazos que aí se forman, as sinerxías que poden xurdir, a forma en que te motiva para seguir traballando nos teus proxectos e en novos… iso non ten prezo. Hai que vivilo en primeira persoa para entendelo.
Fálanos dalgún proxecto persoal ou profesional no que traballes nestes momentos...
Pfff… Intento facer tantas cousas ao mesmo tempo que teño que limitar o tempo que lle dedico a cada unha durante a semana para poder progresar en todas.
Un dos meus proxectos é facer que o corrector de galego que se usa no software libre, o hunspell-gl, se xere automaticamente a partir do dicionario en liña da Real Academia Galega. Xa levo meses, e levarame anos, pero paga a pena. De momento está ao 16%, e a Real Academia Galega debe estar farta de que cada semana lles informe dun fato de fallos que detectei no dicionario ao comparalo co corrector.
Tamén estou traballando en publicar os datos de liñas e horarios de transporte público de Vigo como datos abertos e nun formato estándar. Isto en última instancia permitirá usar software libre como Transportr para planificar rutas que inclúan transporte público, algo que a día de hoxe só é posible mediante software privativo ou consultando ficheiros PDF.
Pero aparte disto colaboro co videoxogo 0 A.D., a distribución Chakra e a comunidade KDE. Nesta última colaboro en 10 proxectos distintos, incluída a tradución ao galego de todo o seu software. E ademais a metade da miña xornada laboral está dedicada a traballar en Scrapy e proxectos de software libre relacionados. Non teño tempo de aburrirme, pero o paso moi ben
Adrián, moitas grazas polo teu tempo!
A vos por argallar este tipo de eventos!
Entrevista a Christian López relator de "Leaflet en tempos de Rest"
Bo día Christian, e logho ti de quen ves sendo?
Pois eu son Christian López, Enxeñeiro Informatico. Traballo en //Codery_ con Drupal e *JS . Son co-fundador e desenvolvedor do proxecto galiciacorre.es
- Twitter: @christianlrcalo
- Github: reloxo95
- Drupal: reloxo95
De que trata a túa sesión do vindeiro sábado en Mugardos?
Contarei que facer cando temos accesible un servizo REST con datos, neste caso xeolocalizados. Veremos como usar estos datos para mostralos nun mapa empregando Leaflet, personalizar e darlle interactividade
Que aporta Leaflet en relación a mapas privativos como por exemplo Google Maps?
Deixando un lado o custo, Lealfet permite a autoxestion do mapa polo que podemos personalizar case todo o que vemos. Ademáis a súa licenza libre permite traballar sen restricións en calquera proxecto web ou móbil.
Fálanos dalgún proxecto persoal no que traballes nestes momentos....
Actualmente estou centrado ó 100% no proxecto persoal GaliciaCorre do que son co-fundador. GaliciaCorre é un sitio e aplicativo móbil que publica e eventos e resultados deportivos de Galicia.
Christian, grazas polo teu tempo! Vémonos o vindeiro sábado en Mugardos.
Entrevista a Alberto Permuy relator de "Rest en tempos de Drupal"
[ Alberto Permuy, no Drupal Day de Aveiro - Portugal en 2017 ]
Bo día Alberto, e logho ti, de quen ves sendo?
Son Alberto Permuy, son Director Técnico e Sysadmin en //Codery_ ; tamén membro fundador da Asociación Comunidade O Zulo
Como ves o presente e futuro do CMS Drupal?
O futuro de Drupal, despois da consolidación da versión 8, que supuxo un cambio radical en tódolos sentidos, é prometedor. As diferentes iniciativas, por exemplo "Administrative UI & Javascript Modernisation Initiative" que implementará un cambio sustancial na interface de administración, así como publicación da seguinte versión 8.8 o día 4 de decembro e a próxima versión 9 confirman a Drupal como unha peza de software clave, a ter en conta nos vindeiros anos.
Que crees que aportan este tipo de eventos ás persoas asisten?
En primeiro lugar quero recalcar a importancia de que este tipo de eventos teña a súa orixe en asociacións sen arela de lucro, no sentido de que ó non ter un interese puramente económico, quedan en certa medida excluidos de "modas pasaxeiras": a paixón da xente, tanto dos que organizan como de asisten queda fora de toda dúbida.
O que aportan...Pois en primeiro lugar, como é obvio aportan coñecemento, libre e compartido. Aportan tamén novos puntos de vista en relación á novas tecnolóxías libres que se están a empregar no ecosistema web na actualidade.
Fálanos dalgún proxecto persoal ou profesional no que traballes nestes momentos....
Desde o ano 2015 traballo activamente nos proxectos de catalogación patrimonial libres baseados en Drupal. O pasado 16 de novembro presentamos na Casa de Rosalía De Castro en Padrón, o proxecto o obaixoulla.gal , un catálogo que recolle elementos do territorio do Baixo Ulla dos Concello de A Estrada, Catoira,Valga, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Teo. Para o ano 2020 traballerei nun repositorio centralizado de elementos patrimoniais que sirva como punto de encontro de tódolos proxectos publicados; sempre empregando software libre.
Entrevista a Pablo Arias relator de "Accesibilidade web: creando webs para todos"
[ Pablo Arias no Joomla Day en Vigo en 2017 ]
Bo día Pablo, e logho ti, de quen ves sendo?
Son Pablo Arias, desenvolvedor e mantedor de sitios web, certificado en Joomla.
Crees que na actualidade a accesibilidade é un elemento ou factor que se ten en conta no desenvolvemento de novos sitio webs?
Considero que en moitos casos non se lle dá a importancia necesaria pero tamén en moitos deles simplemente por non sabelo, por descoñecer a forma de facelo ben.
Que crees que aportan este tipo de eventos á persoas que asisten?
Penso que é un bo xeito de estar ao día de tecnoloxías moi empregadas (e ademais neste caso abertas, de todos), de coñecer xente e de pasar un bo anaco.
Fálanos dalgún proxecto persoal ou profesional no que traballes nestes momentos....
Estou especializándome, aprendendo máis sobre certos sectores para mellorar os sitios web que fago, por exemplo en colexios profesionais.