I Xornada Cociña Libre

Banner I Xornada de Cociña Libre

A I Xornada de Cociña Libre é un evento tecnogastronómico organizado pola Asociación Comunidade O Zulo que se celebrará o vindeiro día 30 de Novembro no Local Sociocultural Casas Baratas de Mugardos. 

Son varios os obxectivos da actividade:

  • Fomentar a gastronomía local e produto de proximidade.
  • Achegar as novas tecnoloxías, software e cultura libre á cociña.
  • Ampliar o abano de actividades realizadas pola asociación, en definitiva: achegarnos ata un público máis amplo e heteroxéneo. 

INSCRIBIRSE NA XORNADA

Horario

  • 09:00 - 09:30 - Recepción e benvida.
  • 09:30 - 10:15 - Organización dos grupos de traballo
  • 10:15 - 11:45 - Saída cara o Mercado de San Telmo para mercar os produtos e realizar entrevistas ós praceiros e praceiras.
  • 11:45 - 12:15 - Pausa café
  • 12:30 - 15:00:
    • Documentación, dixitalización e publicación de receitas e entrevistas.
    • Elaboración de receitas 
  • 15:00 - 17:00 - Xantar
  • 17:30 - 18:00 - Clausura do evento.

Gastronomía local e produto de proximidade

Mugardos Noite

Imaxe - Alberto Permuy Leal

Mugardos é unha vila de tradición mariñeira donde se pode degustar e mercar unha ampla variedade e verduras, hortalizas, peixe e marisco fresco durante todo o ano. O Mercado de San Telmo é o punto de encontro entre produtores, veciños e veciñas de Mugardos, e  por suposto, parada obrigada nesta xornada. Tamén será protagonista o polbo, produto típico mugardés que celebra a súa festa gastronómica anual no segundo fin de semana do mes de Xullo na recoñecida "Festa do Polbo".

Na primeira parte da xornada visitaremos o mercado para mercar a materia prima das receitas e coñecer de primeira man as ventaxas do produto de proximidade, das que destacamos:

  • Coñecer a orixe do produto é garantía de calidade e seguridade ó ter clara a súa procedencia.
  • Saudables. Os alimentos de proximidade son produtos de temporada, frescos e sen ningún tipo de tratamento industrial.
  • Protexen o medio ambiente ó excluir camións, barcos e avións da cadea de distribución.
  • Impulsan a economía local. A alimentación globalizada está ligada á produción industrial e os grandes supermercados; apoiando e mercando produto local estás a apoiar ós produtores(e moitos caso veciños e veciñas) e deixando os beneficios na comarca.

Mercado de San Telmo

Mercado de San Telmo - Mugardos - Imaxe: José Pardo - La Voz de Galicia

Novas tecnoloxías

Un dos obxectivos é fomentar o uso das novas tecnoloxías para a promoción do comercio local é difundir os contidos en libre con licenzas abertas. Traballaremos:

  • Nun sistema wiki como software colaborativo para crear contido web dun xeito rápido e sinxelo.
  • O uso de licenzas abertas para publicación de contidos: textos, imaxes, son e vídeos.

Grupos de traballo

Ás persoas inscritas no evento asignaráselles un dos seguintes grupos:

  • Documentación

    • Documentar receitas, artigos e entrevistas.
  • Dixitalización
    • Publicación no wiki da asociación das receitas e contido xerado polo grupo de documentación.
    • Publicación das imaxes e vídeos xenerados polo grupo multimedia.
  • Multimedia
    • Toma de imaxes e vídeos da xornada.
    • Proceso de imaxes e vídeos seguindo os requirimentos do grupo de dixitalización.

O resultado final será a publicación de todo proceso en https://wiki.comunidadeozulo.org .

 

Preguntas frecuentes

 

Donde e cando celébrase o evento?

Sábado 30 de novembro de 2019 , de 09.00 a 18.00 no Local Sociocultural Casas Baratas do Concello de Mugardos. [ Consultar ubicación

Canto teño que pagar?

A inscrición e asistencia é de balde.

Podo ir só a xantar?

Non. A xornada é unha evento colaborativo, no que é tan importante o xantar como os traballos de dixitalización e publicación das receitas na rede. Lembra, esta xornada non é un "xantar popular", é un evento tecnogastronómico. Precisamos da colaboración activa dos asistentes para sexa un éxito.

Entón, vou poder cociñar nesta xornada?

Non. A elaboración dos pratos está delegada en cociñeiros e cociñeiras profesionais que cociñarán no horario estipulado.

Podo levar convidados?

Non. As inscricións son individuais e para maiores de 18 anos.

Padezo intolerancias e/ou alerxias alimentarias podo acudir ó evento?

Por suposto. As receitas contemplan intolerancias a glute e lácteos. Se padeces calquera outra intolerancia ou alerxia contacta coa organización: buscaremos unha opción para que poidas acudir á xornada!

Teño que levar o meu portátil?

Non é imprescindible, pero axudaría a axilizar o proceso de documentación e dixitalización.

Podo levar a miña cámara de fotos?

Si, sen problema. Temos un par (2) cámaras reflex para usar na xornada.

 

Actividade realizada no convenio asinado co Concello de Mugardos para o ano 2019