Entrevista con Rafa Couto - Obradoiro de iniciación á electrónica con Arduino.

 

E logo ti, de quen ves sendo?

No mundo real son Rafa Couto, no virtual son caligari. Levo toda a miña vida útil traballando cos ordenadores e dende hai uns anos descubrín o hardware libre con Arduino, que me abríu un mundo de posibilidades ao poder aplicar programación para interactuar co mundo real a través de dispositivos electrónicos. Evanxelista do software libre e enganchado á consola GNU/Linux (ademáis de penitente do Vim). Tamén son membro das asociacións Bricolabs de A Coruña e Recuncho Maker de Compostela onde aprendo e comparto coñecemento cos demáis membros inquedos.

Contanos cousas do obradoiro que vas impartir en Mugardos.

Imos a partir de cero con Arduino e o obxectivo é facer unha sesión práctica para aprender que son as entradas e saídas con exemplos prácticos. Acenderemos leds e detectaremos pulsación de botóns coas saídas e entradas dixitais e usaremos resistencias variables e saídas de onda para controlar sons a distintas frecuencias. Á vez, aprenderemos algúns conceptos e compoñentes básicos da electrónica.
 

[ Rafa Couto coas na "masa" ]

Algunha recomendación para a xente inscrita no obradoiro? 

Agradecemos que traias instalado o Arduino IDE para non perder moito tempo no obradoiro: https://www.arduino.cc/en/Main/Software E se queres botar un ollo ao vídeo-documental sobre Arduino para ir abrindo boca vai aquí: https://vimeo.com/18390711
 

Como ves o futuro no campo do hardware libre?

Pois o futuro xa é presente e vén sendo unha revolución social como o foi o Software Libre. Xa podemos usar electrónica sen que os fabricantes nos impoñan os seus productos, royalties, dereitos de marcas... Todos diriximos o futuro do hardware libre: a comunidade, cada un de nós, ti... Acabarase impartindo na escola e será unha fonte aberta de coñecemento que empoderará ás novas xeneracións para desenvolver os seus  proxectos electrónicos, a entender e ata reparar os aparellos electrónicos que manexamos tódolos días.

Contamos algo dos teus proxectos actuais e futuros?

Desenvolvín o código do Escornabot (robot educativo DiY 100% aberto) como proxecto máis destacable con Arduino. Construín unha impresora 3D modelo Reprap Foldarap da que disfruto moitísimo e estou cunha segunda máis grande. Sempre argallando en novos inventos e ampliando o coñecemento sobre novos microcontroladores e compoñentes electrónicos. Xusto agora estou empezando no interesantísimo mundo das FPGA libres que acaba de nacer.
 

Coñeces Mugardos? E o traballo de @ozulo?

Siiiiiiii :) grazas ao Kernel que organiza O Zulo! Xa fun a 2 das anteriores edicións e converteuse nunha cita obrigatoria na ruta de eventos de software libre en Galicia. É un pracer disfrutar dunha xornada distinta nunha vila que me lembra a vila onde medrei (A Guarda, na outra punta de Galicia).
 

Rafa, grazas polo teu tempo!

 

Moitas grazas a vós polo traballo de organizar as Xornadas eo Kernel. A desfrutar!