Xela Rodríguez - Obradoiro Smartphonografía

Facebook: /XelaRG - http://facebook.com/XelaRG
Instagram: @rgxela - http://instagram.com/rgxela
Twitter: @rgxela - http://twitter.com/rgxela
Web: rgxela.es

E LOGO TI, QUEN VES SENDO?

Son Xela Rodríguez (aka RGXela); filóloga, fotógrafa e técnico audiovisual. Isto resultou así porque a miña formación en comunicación visual sostense en tres alicerces: a literatura, a fotografía e o cinema. Como profesional traballei para diversas empresas e publicacións do ámbito da comunicación. Na actualidade estou a traballar como fotógrafa independente e docente de cursos de imaxe; tanto a nivel técnico como obradoiros máis prácticos. E sempre cunha importante carga comunicativa e social, pois non entendo o meu traballo doutro xeito.

CÓNTANOS COUSAS DO OBRADOIRO QUE VAS A IMPARTIR EN MUGARDOS.

Será un obradoiro práctico de introdución á Smartphonografía, a nova tendencia de fotografía comunicativa; onde traballaremos a imaxe feita con móbil, as redes sociais e as aplicacións necesarias para aprender a sacarlle o máximo partido á cámara do teléfono. Descubriremos e practicaremos a técnica fotográfica, compositiva, trucos de experto e recursos necesarios para practicar a smartphonografía. Trátase dunha obradoiro destinado a calquera persoa que desexe iniciarse nesta tendencia ou ampliar os coñecementos sobre fotografía con móbil. É aconsellable que os participantes leven un teléfono ou outro dispositivo con cámara e roupa cómoda.

[ Xela Rodríguez - Relatora do Obradoiro de Smartphonografía ]

ALGUNHA LECTURA, SITIO WEB OU RECOMENDACIÓN PARA A XENTE QUE ESTÁ INSCRITA NO OBRADOIRO

Sobre fotografía hai moito material, tanto técnico como filosófico. Eu sempre recomendo ver e ler fotografías e practicar, máis que “chapar” libros técnicos como locxs; penso que a inspiración e o saber como se fixo unha determinada foto son ensinanzas moi valiosas para quen quere aprender fotografía. Como lecturas sobre fotografía pódovos falar das tres que máis visitan o miña mesiña: “A cámara lúcida” de Rolan Barthes; “Sobra la fotografía” de Susan Sontag e “Para entender la fotografía” de John Berger. Por suposto existen moitas máis. En canto á técnica, penso que un libro interesante e ameno para empezar pode ser “Lea este libro si desea tomar buenas fotografías” de Henry Carroll. E na web tamén existen infinidade de páxinas sobre fotografía segundo a temática de desexedes atopar; pero na mesma liña: recoméndovos sobre todo visionar a obra de fotógrafxs, onde poderedes mirar, admirar e aprender a través da lectura fotográfica.

COMO VES O FUTURO NO CAMPO DA FOTOGRAFÍA E A SMARTPHONOGRAFIA

Penso que evolucionamos dunha sociedade que empregaba a imaxe como produto de consumo propio familiar a outra na que a imaxe é compartida ou non é. Antes a fotografía implicaba memoria; agora penso que prima a súa parte comunicativa por encima do resto. De aí a smartphonografía como tendencia en auxe, unida ás redes sociais como canles principais de comunicación e significación. No tecnolóxico penso que as cámaras de fotos iranse convertendo en dispositivos que adoptarán dos móbiles a posibilidade de compartir, de subir imaxes á nube ou ás redes sociais directamente e que terán instaladas tarxetas de datos. Tamén os móbiles se irán perfeccionando no que se refire ás cámaras incorporadas e dentro duns anos conseguiranse dispositivos máis parecidos a pequenas compactas, que contarán con sensores de maior tamaño para obter fotos de mellor calidade. Pero tamén penso que haberá unha volta ao analóxico, ao tradicional; en contraposición a toda esta carreira tecnolóxica e como reivindicación da paciencia, a observación e o “movemento slow “ que está empezando a asomar na sociedade.

CÓNTANOS COUSAS DOS TEUS PROXECTOS ACTUAIS E FUTUROS

Na actualidade estou a traballar, ademais de cómo fotógrafa independente, nun proxecto de fotografía documental sobre muller e deporte e outro de investigación sobre cinema de terror. En canto á docencia, un dos meus obxectivos de cara ao futuro é poder traballar sobre a creación de didácticas da fotografía que melloren os procesos de ensinanza e de aprendizaxe e tamén traballar conceptos sociais e comunicativos importantes a través da imaxe, tanto a nivel escolar como en obradoiros para adultos.

COÑECES MUGARDOS? E O TRABALLO DA ASOCIACIÓN COMUNIDADE O ZULO?

Coñezo moi pouquiño Mugardos e dame moita vergoña recoñecer que ata que vos puxestes en contacto comigo non sabía nada da vosa asociación. Erro que resolvín inmediatamente visitando a vosa páxina e descubrindo as actividades que levades a cabo. Ás veces ocorre realmente aquilo de “tan preto, tan lonxe”…

GRAZAS POLO TEU TEMPO

Grazas a vós por contar con este obradoiro e comigo nas Xornadas. Vémonos en Mugardos! :D