Comunicado

Asociación Comunidade O Zulo é unha asociación fundada en Mugardos no ano 2003 e inscrita no rexistro galego de asociacións en Maio de 2010. Traballamos de xeito desinteresado e gratuito para publicar proxectos tecnolóxicos libres e en galego.

 

Asesoramos de xeito gratuito a asociacións e colectivos de Mugardos. Mantemos a web do Galicia, publicamos a Wiki de Asociación Apelón.

 

Publicamos o proxecto A Cultura da Auga, un catálogo libre e aberto de fontes e lavadoiros do Concello de Mugardos que valoriza o patrimonio cultural que foi o xérmolo de proxectos intermunicipais como abeancos.gal na Terra de Melide obaixoulla.gal .

 

Reciclamos ordenadores antigos que doamos a outras asociacións locais. Organizamos obradoiros de robótica para nenos e nenas e xornadas de formación tecnolóxica.

 

Durante 12 anos organizamos o Ciberencontro Kernel, unha actividade que achegaba ata a vila xente de toda Galicia e puxo a Mugardos no mapa do software libre, que xa se paralizou no ano 2016 por unha situación que agora volve repetirse, que é a incertidume sobre o convenio co Concello de Mugardos.

 

Toda esta actividade a realizamos grazas a aportacións dos socios, xunta directiva e do convenio que ata o ano 2019 asinábamos co Concello de Mugardos, e que leva dous anos sen asinarse por falta de vontade do goberno municipal.

 

No presente comunicado queremos manifestar de xeito público, claro e transparente o noso malestar co Concello de Mugardos pola situación de abandono e deixadez; en primeiro lugar coas nosas actividades, proxectos e propostas, e en segundo coa demora na sinatura do convenio de colaboración entre ambas entidades dos anos 2020 e 2021.

ASOCIACIÓN COMUNIDADE O ZULO

MUGARDOS 6 DECEMBRO DE 2021