Renuncia convenio Concello de Mugardos

O 6 de Decembro de 2021 Asociación Comunidade publicou un comunicado no que manifestabamos de xeito claro noso malestar co Concello de Mugardos pola situación de abandono e deixadez en primeiro lugar coas nosas actividades, proxectos e propostas, é en segundo coa demora na sinatura do convenio de colaboración entre ambas entidades dos anos 2020 e 2021.

 

O día 2 de setembro de 2022 asinamos o convenio anual, con escasa marxe de manobra á hora planificar e executar as actividades. Como ben sendo habitual nestes últimos anos, sufrimos en primeira persoa un sinfín de incidencias: demora nas respostas, “silencios administrativos”, así como problemas na xustificación. Neste caso concreto unha “addenda ó convenio” que, ainda que prometida, nunca chegou. Por suposto, tampouco recibimos por parte do Concello seguimento ou crítica ó noso traballo altruista e desinteresado.

 

En Marzo deste ano, comunicamos ó Concello a nosa vontade para asinar o convenio de colaboración do ano 2023. Recibimos pola súa parte unha resposta positiva, sen máis. Reiteramos o noso desexo de colaboración en sendas comunicacións en Abril e Agosto do presente ano, sendo a derradeira comunicación por parte de Asociación Comunidade O Zulo o 17 de Agosto por rexistro telemático. Na data de publicación deste escrito, seguimos esperando unha resposta. 

 

No presente comunicado queremos manifestar de xeito público a nosa RENUNCIA Ó CONVENIO DE COLABORACIÓN CO CONCELLO DE MUGARDOS DO ANO 2023, e por de manifesto o noso malestar pola nefasta xestión dos convenios nestes últimos anos.