III Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural

Asociación Comunidade O Zulo participará no III Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural que se celebrará o vindeiro 15 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación en Santiago de Compostela.

A nosa participación achegará o soporte tecnolóxico e humano para a gravación en formato audio do evento.

O evento reunirá a colectivos sociais que traballan pola sustentabilidade no medio rural con estudantes e profesorado universitario para traballar en común por integrar a formación co saber local e os proxectos de futuro que nel se poidan dar.

O traballo desta comunidade busca crear pontes que sirvan para o diálogo entre o coñecemento académico e o coñecemento local e tradicional que no medio rural se garda sobre como vivir en comunidade e manexar a paisaxe de maneira sustentable. Todo coa intención de artellar modos de vida e produción que sexan viables neste tempos de entrada na crise ecosocial.

Para iso, vincular a educación co traballo dos colectivos activistas como cooperativas e asociacións é fundamental, posto que implica a relación directa entre a aprendizaxe e a resolución dos problemas presentes, ademais de visibilizar ante o estudantado posibles vías de futuro no medio rural. Para iso, neste encontro levaranse tres liñas de acción principais: a valoración en conxunto das experiencias de aprendizaxe-servizo xa desenvoltas, a visibilización das labores e saberes dos colectivos e o trazado de novas propostas, tanto aquelas xa planificadas como da man do estudantado asistente.

 

III Encontro de Axentes Socioeducativos da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural