Anunciamos a primeiros de ano a colaboración da asociación coa Asociación Cultural Os Penoucos no proxecto obaixoulla.gal | patrimonio + territorio + paisaxe, o catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.
Despois dun ano intenso de traballo e máis de 400 horas de adicación desinteresada é un pracer anunciar a presentación do proxecto o vindeiro sábado 16 de novembro ás 12.00 horas na Fundación Rosalía de Castro – Casa de Rosalía de Padrón. Esta actividade súmase á iniciativa da Rede do Patrimonio Cultural para conmemorar o Día do Patrimonio Mundial en Galicia.
O proxecto colaborativo obaixoulla.gal pretende recoller nun mapa a totalidade do patrimonio cultural e natural do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo, antes de deixar de ser río e converterse en ría. Na actualidade están catalogados elementos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.
Comentan desde Asociación Os Penoucos:
"Con todo, no proxecto obaixoulla.gal queremos construír un relato territorial baixo unha metodoloxía participativa. Deste xeito, todas e todos podemos incorporar os diferentes elementos a este mapa e así comprender, reflexionar e sinalar aspectos da nosa realidade cotián, histórica e colectiva.
Ademais de poñer en valor o patrimonio, facemos eco das relacións emocionais co espazo e dos diferentes significados que o territorio e a paisaxe poidan ter para os seus habitantes.
Por outra banda, ao poder recoller os elementos tanxibles —e en certa medida intanxibles— do patrimonio nun mapa, contribuímos a poñer ao alcance todas e todos o patrimonio; sen dúbida é unha forma de coñecer, saber, difundir e socializar co noso territorio.
Así, este proxecto está aberto á colaboración de entidades e persoas do Baixo Ulla. Calquera que o desexe pode enviar a súa aportación, sexan comentarios, suxestións, textos, fotos… Ti tamén podes facer parte do proxecto e así, entre todas e todos darémoslle unha perspectiva máis funcional e social ao patrimonio que nos rodea!
Este proxecto, realizado sen ningún tipo de subvención oficial, aspira a seguir medrando, mais como até o de agora o fixo, co traballo voluntario e desinteresado de persoas que creen no territorio no que viven."
Para a Asociación Comunidade a participación neste proxecto non é máis que unha confirmación do noso compromiso co software e cultura libre.
Agardamos a vosa presenza o vindeiro día 16 en Padrón.